A tele xa agarda por nós!

Sen tempo para esquecer os aplausos do público de Vigo avísannos na tele de que o 12 de xullo estreamos! Durante todos os xoves deste verán acompañarémosvos non só nos teatros, tamén na pantalla das vosas casas. Avisade aos amigos, aos veciños, aos compañeiros de traballo… Malo será que non queiran vernos…

A de Vigo foi unha experiencia marabillosa. Eran tantos os nervios, as ganas de facelo ben diante dos nosos primeiros setecentos espectadores, que ao rematar, cando baixou o telón, todo foron bicos e apertas. Isto só acababa de comezar, o verán acababa de comezar.

A referencia ao verán empregámola case sen querer nos ensaios, nas funcións, cando falamos por teléfono para preparar os programas… Falamos desta etapa, desta primeira temporada de Malo será! como “o verán”. Por iso de que está a ser o noso verán. Un verán con menos días para ir á praia, e máis para facer teatro e televisión.

E aínda coa adrenalina da estrea presente, chaman da tele: estreamos o 12 de xullo. O mesmo día no que estaremos en Verín coa segunda función. Así que non poderemos vernos! Só nós, e o público de Verín, temos desculpa para non poñer a TVG o xoves. O resto, malo será que teñades un plan mellor!